10 de setembro de 2014

NOTA DE SOS XARDINS Mondariz-Balneario

A Plataforma SOS XARDINS, congratulase da decision da Xunta, de someter ao procedemento de avaliacion ambiental estratéxica a modificación puntual do POMR de Mondariz-Balneario, nos xardins do Gran Hotel

A Consellería de Medio Ambiente tamén entende que unha recualificación urbanística dos Xardíns do Gran Hotel de Mondariz Balneario para usos residenciais, tería efectos adversos e irreversibles sobre o recinto e a vila

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, a través da Secretaría Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, adoptou o acordo de que é necesario “someter ao procedemento de avaliación ambiental estratéxica a Modificación Puntual do POMR de Mondariz-Balneario nos xardíns do Gran Hotel”, unha vez rematado o periodo de consultas ao que foi sometido.

Como se recordará, nese periodo de consultas a plataforma cidadá SOS XARDÍNS de Mondariz Balneario presentou unha alegación contra o dito plan, que foi apoiada por outras setenta alegacións particulares e que foi respaldada por cinco informes técnicos de carácter sectorial.

Agora, a Consellería de Medio Ambiente ven dar a razón aos argumentos de SOS XARDÍNS para rexeitar a construcción de novas vivendas no recinto dos Xardíns do Gran Hotel, porque tal actuación constituiría un deterioro irreversible da riqueza cultural, patrimonial, medioambiental, histórica e paisaxística do recinto e, por extensión, de toda a vila balnearia.

Na súa resolución, a Consellería recoñece que “os xardíns forman parte indisociable do conxunto balneario e da vila de Mondariz-Balneario”, e nese sentido valora positivamente tanto a posible conversión do recinto en zona verde a disposición do público como a posibilidade de que se faga realidade a dotación dun museo sobre a auga.

Pero non ten dúbida en afirmar tamén que “non entanto, a execución dunha área residencial no interior dos xardíns vai ter considerables efectos sobre o patrimonio cultural e natural existente, así como sobre a paisaxe do conxunto balneario e da vila”. A Consellería califica eses efectos ambientais previsibles como “adversos, duradeiros e irreversibles”.

Agora será a Consellería de Medio Ambiente quen lle deba dictar ao Concello de Mondariz Balneario as condicións e as limitacións que deberá necesariamente respetar antes de poder continuar coa tramitación da modificación urbanística que promove no entorno do Gran Hotel. Tales requisitos se plasmarán no denominado Documento de Referencia (DR) que redactará a Consellería para o seu próximo envío ao Concello de Mondariz-Balneario. Entretanto, queda suspendida a súa tramitación.

SOS Xardíns espera que entre os límites que estableza a Consellería para poder aprobar a modificación urbanística promovida polo Concello sinale que non se permita a recualificación para usos residenciais do espazo do bosque dos xardíns do Gran Hotel nin por tanto a construcción nese entorno de novas vivendas.




Ningún comentario:

Publicar un comentario